O primeiro grupo político do Parlamento de Galicia en recibir á Comisión Promotora foi En Marea, que nos atendeu na súa sede do Parlamento o luns 9 de xaneiro. Na reunión mantida co seus representantes fixémoslles a presentación dos obxectivos da ILP e invitámolos a involucrarse na súa posible millora. Solicitámoslles que adoptaran unha visión institucional e non partidista de cara á tramitación parlamentaria.
O PSOE tamén nos recibiu nas súas dependencias no Parlamento de Galicia, o martes 10 de xaneiro. Da mesma maneira explicámoslles os obxectivos da ILP , solicitamos a súa colaboración e demandámoslles unha actitude institucional e non partidista á hora da tramitación parlamentaria.
O PP foi o último grupo en recibirnos ata o de agora, o 31 de xaneiro nas dependencias do Parlamento de Galicia. Como nas dúas reunións mantidas previamente, solicitamoslle a súa colaboración e fixemos fincapé en que mantiveran unha actitude institucional e non partidista á hora da tramitación parlamentaria.
Todos amosaron o seu interese, pero ningún dos tres grupos comprometeu nin anticipou cal sería súa posición cando se iniciara a tramitación parlamentaria.
En canto ao BNG, aínda estamos á agarda de que formalicen unha reunión de contacto con nós.