Motivos
- Para conseguir a igualdade real e efectiva entre homes e mulleres en todos os ámbitos da vida
- Para desincentivar o conflito no seo da familia, dando unha oportunidade real para refacer a vida das persoas adultas e ao mesmo tempo normalizar e harmonizar a vida dos menores coas súas nais e pais.
- Para que tras a separación os nenos e nenas non perdan a súa relación cos avós e o resto da familia
- Porque as institucións deben velar polo mellor interese de nenas e nenos.
Exposición das razóns que, a xuízo das persoas asinantes, aconsellan a tramitación e aprobación polo Parlamento de Galicia da presente proposición de lei
(O seguinte texto xustificativo presentouse no Parlamento xunto coa proposición de lei ILP_Coparentalidade.pdf )
Cando os pais e nais envolvidos nunha separación de parella teñen suficiente bo senso para entenderse en canto á crianza e á educación dos seus fillos, conseguindo separar a súa ex-relación de parella da súa parentalidade, a relación dos fillos cos seus respectivos proxenitores non precisa ningunha norma en particular para regulamentar dereitos e deberes dos pais e nais para cos fillos e fillas e os seus dereitos.
Despois da separación de parella, pais, nais, fillos e fillas seguen sendo os mesmos, con todos os dereitos e deberes, especialmente os das nenas e nenos a ser amparados e ter convivencia con ambos pais.
Pero o que se está dando de feito no noso pais é que moitas das parellas en litixio e gran parte das persoas operadoras xurídicas (persoas xuíces, fiscais, avogadas, psicólogas, traballadoras e educadoras sociais, etc) non acertan a comprender e respectar que nin no Código Civil nin na Constitución existe a figura do divorcio dos pais e das nais cos seus fillos, e que o divorcio é só da parella. O divorcio dos pais e das nais cos seus fillos foi creado como consecuencia de malas prácticas nos litixios, pero nunca existiu na lei.
Coa defensa da corresponsabilidade parental pretendese que preferentemente os pais e nais dividan dun xeito igualitario ou de acordo coas súas posibilidades, deberes, responsabilidades e dereitos en relación aos fillos e fillas, superando a anacrónica custodia unilateral concedida só a un dos proxenitores, que quedará reservada unicamente para aqueles casos nos que quede acreditado xudicialmente que un proxenitor/a non reúne as condicións para compartir a garda e custodia dos fillos e fillas.
Porque na custodia unilateral, a pesar de que o “proxenitor non custodio” ten o dereito e o deber de fiscalizar ao proxenitor custodio en canto ás condicións en que son criados e educados os fillos, isto raramente acontece na realidade. Na esmagadora maioría dos casos onde se crean os conflitos, o proxenitor non custodio só ten na práctica o dereito de “visitas”, na maioría das veces dificultadas, e a obrigación de pagar a pensión.
A división do período de tempo que os nenos e nenas teñen establecido para estar na compañía do pai ou da nai é outro punto no que as ex-parellas en litixio e gran parte dos operadores xurídicos se afastan da realidade. Non comprenden que o máis importante, a referencia a ser preservada, o ideal a ser buscado, é a referencia e a proximidade de ambos os pais na vida da crianza e non o dunha determinada casa. Para a crianza non hai ningún problema en pasar un período de tempo en casas diferentes, senón que, polo contrario, resulta enriquecedor, porque así pode coñecer mellor o modo de vida e a personalidade de cada un dos pais.
É de resaltar que o movemento pola institución da corresponsabilidade parental é maioritario na sociedade como o demostra que tanto as comunidades autónomas no estado como os países europeos máis avanzados teñen escollido a custodia compartida como modelo máis beneficioso para nenos e nenas.
O propio funcionamento da xustiza, maioritariamente carente do persoal debidamente capacitado para a solución dos problemas de familia, vén sendo a principal fomentadora e responsable da existencia de miles “orfos e orfas de pais vivos” anuais na Galiza. Esta mesma xustiza, co apoio preciso de todos os poderes públicos e da sociedade en xeral, ten a obrigación de extinguir esta distorsión que vén provocando o incremento das mortes de crianzas, do envolvemento con drogas, do fracaso escolar e da exclusión social e da delincuencia, entre outras consecuencias. A convivencia igualitaria con pais e nais é unha base para criar e educar aos nosos fillos nos valores de igualdade cara un futuro e unha sociedade mellor.